Letra, palabra e signos: a terra de Renzo Bellanca

8Desde a terra de Luigi Pirandello, emerxe Bellanca, cal Salvatore Quasimodo. Renzo, artista plástico, presenta as súas obras multiculturais desde Agrigento, Roma, Ferrara, Florencia ou Venecia en escenografía teatral, onde as súas montaxes impactaron. É Renzo Bellanca (Aragona -Sicilia, 1965) un artista multi-cultural desde a pintura, obra gráfica, e tamén escultura, medios todos para ser. Os seus pasos surcan camiños variados buscando composicións relixiosas (en tanto que religan, isto é, que volven unir).

No seu modus operandi Bellanca agrega e disgrega, coa espátula e o pincel, a materia, ata conseguir unha superficie arqueolóxica, con sedimentos na trama. Pero todo é un medio para unha expresión, unha reflexión sobre o orgánico para expresar signos, letras: palabras. Neste proceso a memoria é fundamental, xa que mantén a dialéctica entre materia e signo. Letras, números, imaxes… preséntanse como fragmentos icónicos, nun proceso de lenta sedimentación, lingua común que nos fala desde a forza da súa esencia.

É Bellanca un homo viator laico que busca restablecer a orde no labirinto, ou baixada aos infernos, xardín no que se oculta o Amor (mellor aínda: a verdade sobre o Amor). Así Motivo de vida, Para Bea e Negro e branco sedimentado, pero tamén Razón e sentimento, fincan nos últimos anos este discurso, desde o Coloquio sentimental, no que unha pegada e a súa contra pegada son os corpos de senllas bolboretas que se asentan no pavimento arqueolóxico da vida (como os corazóns naqueles)/naqueles:. Son estes elementos que o prologuista Juan Carlos García Alia, nun esclarecedor excursus introductorio, asimila a Giorgio Celiberti. O catalán Tápies -outro mediterráneo- áchase presente así mesmo pola importancia do matérico, mais é aparencia só pois en Bellanca a dinámica do facerse e desfacerse é un diálogo entre o visible e o invisible, entre racionalidade e irracionalidade.

Renzo Bellanca toma así elementos da rica tradición multisecular, baseada na inxeniería civil romana dos aparellos de muros e chans, en concreto aqueles paramentos formados por pequenos prismas de base cadrada, para formar unha retícula de fiadas inclinadas que forman 45 graos coa liña horizontal, o opus reticulatum, que estivo moi de moda na época de Augusto, e que pode verse nos muros de Pompeia. Sobre el, áchase unha linguaxe matérico, de contido alfanumérico, frecuentemente, reflexo do noso mundo multicultural, que a modo de espello nos pon diante. Son sedimentos da civilización, dos que emerxen como sombras nosos reflexos pretéritos. Son restos pseudo arqueolóxicos desde os que o artista desenvolve a súa linguaxe, dirixíndonos a súa mensaxe.

Así no sorprendente Palabras mergulladas, cun cadrado branco no centro da composición de negras letras sobre fondo vermello, no que se dilúen letras e números brancas (¿alusión ao poder da televisión?). O broncíneo alicerce literario ou a columnar arquitectura verbal despréganse no espazo desde o campo escultórico, onde a suxestión é total. O símbolo faise presente cun valor relevante de poesía, así como o tratamento do concepto do silencio, neste espazo semiótico onde a orde do caos faise presente. A este teor debe traerse a mostra Entre a palabra e a imaxe, que se puido ver na Fundación Luís Seoane (A Coruña) a comezos de ano, con obras de Brossa, Muntadas, Eva Looz e Helena Almeida, entre outros, voces desde outras barreiras da expresión que se preguntan, así mesmo.

Como Bellanca, homo quaerens segundo García Alia, pois se interroga polo alma das cousas, na súa terra. E desde ela, a pregunta faise universal (para o noso mundo). Vemos así, -como xa sabiamos por Celso Emilio Ferreiro, e outros- que o que ensina o mestre siciliano aséntase no “ser”, en oposición ao “parecer”, na liña de Esquilo.

A viaxe fósil é transformación non só arqueoloxía, non en balde un dos seus símbolos ou a bolboreta, nacida da humilde eiruga. O artista achégase tamén, simetricamente, ata o bordo da vida, cos seus marabillosos (por expresivos) collages Destinos ou Idea de sudario, que nos transportan con outros pasos a outros espazos. Como no esplendente Ir má alá, ou Andare oltre, con caligrafías internas no albo sudario sobre o negro abisal. Unha proposta artística (Emocións e erosións) da terra de Renzo Bellanca, que chega desde a eterna Roma ó Centro Cultural da Deputación, como un inmerecido presente neste tempo de Jano bifronte.
A exposición de Renzo Bellanca pódese visitar no edificio Simeón da Deputación de Ourense ata o 14 de xaneiro.